Desde o primeiro momento das nosas
vidas, mesmo antes que as imaxes, percibimos o son das palabras. No colo, no
berce... Para durmir, para xogar, para consolarnos, para aprender cousas do
mundo...
O primeiro
“pasa-tempos” dun bebé é o descubrimento dos sons que se producen ao seu redor,
nomeadamente a mai, o pai e os brinquedos. Aprende primeiro as sílabas e logo
as palabras que repite sen tregua, pois esta repetición é -ao mesmo tempo-
xogo, música e algo máis que ten a ver con novos achádegos. Constrúe a linguaxe
através do ritmo, fixando estruturas rítmicas na memoria.
Hai muita
literatura sobre o beneficioso que é traballar a musicalidade desde idades mui
temperás, en relación coa comprensión da linguaxe, a solución de problemas e o
desenvolvimento de destrezas e actitudes. Ademáis de facilitarlle ao bebé a
aprendizaxe e o exercizo da súa propia memoria, favorecemos a súa capacidade
organizativa e de traballo en equipo, da que vai tirar muita rendabilidade e os
papás imos agradecer día a día. Consultade os múltiples estudos que falan do tema, eu o único que podo
aportar é a minha experiencia persoal,. Neste senso tenho que dicer que os
avances percibidos na Lara no que atinxe á linguaxe e á capacidade de colocar
as súas cousas, son fantásticos. Sen poder/saber relacionar as causas e os
efeitos -lóxicamente- si é de sublinhar que nela conflúen estas circunstancias.
Através das
cantigas de berce, e malia non entendan o significado da linguaxe, os bebés
perciben o afecto e a sonoridade que contenhen. Debeu ser no pasado verán (a
Lara tería uns 17 meses) cuando descubrín que tinha memorizadas todas as
cantigas que eu lle cantara desde que nacera. Foi umha tarde ao rematar o banho,
cuando comecei a cantar como facía con certa asiduidade. Suponho que ao estar
centrado no ritual de secado e peiteado fixo que deixara de cantar deseguida
dun xeito totalmente inconsciente. Agora lembro perfeitamente a canción e o
verso no que me detiven. Era o terceiro verso de "Nouturnio", coa
música de L. E. Batallán. Eu dixen: "retornan pr'os eidos coa
noite..." e aí parei, e non vexades a sorpresa que me deu a Lara cuando
sen siquer mirarme, co chupete na boca e deixando que a seguira secando, engadiu: "as ovellas". Apartir de aí, puiden ir descubrindo como
conhecía todas as letras das cancións que eu lle cantara, así como o pracer que
lle provocaba xogar comigo a completalas... cantarmos xuntos.
Umha vez comprenden os signos da
linguaxe, chegan os “xogos” para conhecer e reconhecer o esquema corporal, o
entorno, os oficios... Através destes xogos, a pequena vai perderlle o medo á palabra
aprendendo a comunicarse sen complexos con outras persoas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario